TEXTO CANCIONES

TEXTOS DE LAS CANCIONES DE LA EXPOSICIÓN VIBRACIONES PROHIBIDAS

En la exposición Vibraciones Prohibidas, que se puede visitar en el Centro Gallego de Arte Contemporáneo entre el 16 de noviembre de 2012 y el 10 de marzo de 2013, es posible escuchar hasta 48 canciones que estuvieron censuradas en su momento. Las canciones se encuentran en una jukebox en la sala principal y pueden ser programadas por los visitantes, además de leer in situ un folleto que se encuentra en la sala y en el que se recogen los motivos que los censores dejaron por escrito explicando sus criterios y la justificación de la prohibición de cada una de ellas.

INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN VIBRACIÓNS PROHIBIDAS 16-11-2012 (33)

Este es el texto en gallego en el que se explica los motivos de la censura de cada una de ellas:

0101 AC/DC: “She’s Got Balls” (High Voltage, 1976)

A canción fora escrita polo cantante Bon Scott para a súa muller Irene, da que se estaba separando, pero quen permanecera xunto a el no hospital os tres días en que estivera en coma despois dun accidente de moto. No entanto, neste caso o censor destaca precisamente a frase que lle dá título á canción como o elemento obxectable, e ofrece os seguintes argumentos: “Sinxelamente é unha expresión malsoante, porque aínda que se pode entender como que é unha moza valente, en realidade o que di é que ten ‘pelotas’, o cal significa no argot corrente que ‘ten c…’ Creo mellor denegala”.

0102 Alice Cooper: “Never Been Sold Before” (Muscle of Love, 1973)

“Nesta canción non se pode facer concesión á palabra ‘whore’ que significa ‘puta’, nada máis. Di o texto: ‘non podo volver ser a túa vil puta’ e non ‘vil muller’, como di a benigna tradución que manda a casa discográfica”.

0103 Aretha Franklin: “Mister Spain” (Hey Now Hey, 1973)

“Tanto polo nome como polo contido é unha personificación de España. Hai frases sibilinas. Mentres continúe o equívoco de nomearse o dito señor ‘Mister Spain’ segue a ser denegable”.

0104 Azahar: “¿Qué malo hay, señor juez?” (Elixir, 1977)

A canción, que combinaba rock sinfónico con influencias árabes, foi prohibida por criticar as penas aos consumidores do que eles chamaban o ‘regaliño de Deus’. O grupo, liderado polo exipcio radicado en España Dick Zappala, que interpretara o papel de Herodes na obra Xesús Cristo Superstar, viu como o single foi retirado axiña da circulación logo da súa edición. Aproveitando a situación, a Zappala aplicóuselle a Lei de estranxeiría e foi expulsado de España. Antonio Valls, o guitarrista do grupo, axudouno a regresar e, meses despois, conseguiu que a pena de expulsión fose substituída pola curiosa figura legal de “desterro da cidade de Madrid”, polo que podía vivir e actuar en localidades da periferia, pero non na capital.

0105 Black Sabbath: “Who Are You” (Sabbath Bloody Sabbath, 1974)

A canción foi eliminada da edición española do álbum polas súas referencias ao demo na letra. Estas son as estrofas destacadas na tradución da súa letra: “Si, coñezo o segredo que tes na mente. / Cres que toda a xente que te adora está cega. / Es coma o Grande Irmán dándonos a túa confianza. / E cando xa xogases abondo arrebolarás as nosas almas ao po, ao po. / Por favor, rógoche que me digas en nome do inferno / Quen es ti?, quen es ti?”

0106 Bob Dylan: “Just Like a Woman” (Blonde on Blonde, 1966)

Todo o álbum Blonde on Blonde foi tachado polos servizos de censura de “homosexualista”. En canto a “Just Like a Woman”, o censor deixou escrito o seguinte: “Ten frases que polo seu dobre senso dentro da intención da canción resultan obscenas. Outro superior autorizouna talvez por ser un texto en inglés”.

0107 Chuck Berry: Memphis Tennessee (single, 1959)

Aínda que a canción fala en realidade dun pai que se quere pór en contacto coa súa filla de seis anos, a quen a súa nai separou del, o censor viulle outro sentido, entendendo que o protagonista era o seu amante: “De contido amoroso dirixida a unha nena de seis anos. Se quen canta é un neno, a canción é inocente, pero se quen canta é un mozo, a canción é denegable”.

0108 Creedence Clearwater Revival: “Wrote a Song for Everyone” (Green River, 1969)

Esta canción foi censurada “por moderna e subversiva”. A letra, composta por John Fogerty logo dunha discusión coa súa esposa, viría dicir que o seu autor podía escribir unha canción que chegase a todo o mundo, pero non era capaz de comunicarse coa súa muller. O censor entendeuna doutro xeito.

0201 Crosby, Stills, Nash & Young: “Ohio” (4-Way Street, 1971)

O tema “Ohio” foi eliminado da edición española do álbum pola súa crítica ante a actuación policial do Goberno Nixon, que desembocara na morte de catro universitarios nunha manifestación en Ohio en contra da guerra de Vietnam. O censor reafirma esa interpretación do tema por canto a cualifica de “canción protesta sobre intervención do Exército en represión de disturbios en Ohio”.

0202 David Bowie: “Cracked Actor” (David Live, 1974)

O censor obrigou a eliminar esta canción na edición española do álbum ao cualificar o seu contido de “obsceno”, e destacar como as frases motivo da súa denegación as que traduce así: “Vendíchesme ilusións por un saco de cheques / Fixéchesme un mal coito, porque eu necesito o teu sexo / Rómpeo, rapaz, rómpeo”.

0203 Doctor Pop: Sofía / Lucía (single, 1975)

O single do grupo español Doctor Pop titulado Sofía, do tándem de compositores Pablo Herrero e José Luis Armenteros, tivo que ser retirado do mercado e gravado de novo pola banda para ser editado de novo, por canto o réxime franquista entendeu que alguén podería interpretar que a letra aludía á futura raíña de España, de nome Sofía, e na letra falábase dunha muller á que lle gustaba saír de noite e que volvía a casa soa de madrugada.

0204 Don McLean: “American Pie” (American Pie, 1971)

Para poderse editar en España, o servizo de censura pediu que se tapase cun asubío a seguinte frase: “The Father, the Son and the Holy Ghost” (“O Pai, o Fillo e o Espírito Santo”). Aínda que coidaron que era unha referencia relixiosa, o certo é que Don McLean falaba realmente dos músicos Buddy Holly, Ritchie Valens e The Big Bopper, que faleceran nun accidente aéreo en 1959, no que para el fora “o día en que a música morreu”.

0205 Donovan: “The Intergalactic Laxative” (Cosmic Wheels, 1973)

O censor, despois de estudar o texto de “The Intergalactic Laxative”, denegou a autorización para a edición do disco con esta canción de acordo cos seguintes argumentos: “Contén frases demasiado vulgares e bastas (falando dos cosmonautas)”. Finalmente autorizou a súa edición pero coa condición de que uns asubíos tapasen as seguintes estrofas: “Podes ben preguntar agora que se fai do líquido que eles consomen. / Unha pipa é levada desde o pene ata unha unidade no cuarto. / Os grandes heroes, eles cagan e mexan”.

0206 Elton John: “Tiny Dancer” (Madman Across the Water, 1971)

Este tema, inspirado pola primeira viaxe de Elton John e o seu compositor Bernie Taupin aos EUA, foi censurado por conter “frases irrespectuosas”. Os versos resaltados nesta ocasión no orixinal inglés son, traducidos, os seguintes: “Xesús vólvese tolo na rúa, / vendendo billetes para Deus”.

0207 Frank Zappa: “Dinah Moe Humm” (Over-Nite Sensation, 1973)

Na edición española do disco “Dinah Moe Humm” foi substituído por “Eat that Question” por indicación do servizo de censura, ao cualificar o texto como “prohibido” por relatar o encontro sexual dun vagabundo con dúas irmás.

0208 Hair (banda sonora): “Donna” (Hair, 1969)

O censor subliñou nesta canción o termo “virxe”, deixando claro que esa palabra non era admisible en España: “Débese suprimir porque supón unha mentalidade segundo a cal non hai case mozas virxes e pode contribuír a crear ese mesmo ambiente na nosa patria”.

0301 James Brown: “Escape-Ism” (Hot Pants, 1971)

“Como o seu título indica é canción de evasión, de linguaxe ambigua e inconexa, que non quere dicir nada e que pode dicir todo o que se lle ocorra a quen o escoite”.

0302 Jefferson Airplane: “Easter” (Long John Silver, 1972)

Para o censor, a conclusión final do estudo de dúas das cancións deste álbum, “The Son of Jesus” (“O fillo de Xesús”) e “Easter” (“Pascua”) foi que “como se pode supor, ambas as dúas son denegables”. Nas liñas que preceden a esta conclusión explica os motivos: “Das dúas cancións, talvez nin sequera leron o texto antes de o enviaren, pois é inconcibible que se atrevan a presentar ambas as letras, cheas de blasfemias e irreverencias. Véxase esta tradución de ‘Pascua’: ‘Douradas roupas de veludo sobre o Papa Paulo / El fálalles aos demos da carne / Conduce polas rúas en vez de andar a pé / Penso que a súa Sagrada historia é un rancho / Soamente un verdadeiro Santo Libro na súa man / cantando en latín que ninguén comprende, / laminando delgado papel hostia. / Ah, necio cristián, non é isto sublime? / O Papa Paulo toma todos os teus cartos… / Non hai cerebros nos cristiáns”.

 

0303 Jethro Tull: “Locomotive Breath” (Aqualung, 1971)

A canción foi denegada e suprimida da edición española do álbum en 1975 por ser, en palabras do censor, unha “canción alusiva á vida que non para, con conceptos duros e crus”, e é substituída pola inédita “Glory Row”. Non deixa de ser curioso, posto que se trataba dun tema xa coñecido en España: fora editado previamente en 1972 como parte do dobre recompilador Living in the Past, no que, ademais, se facía referencia a que se extraera do disco Aqualung.

0304 Jimi Hendrix: “Freedom” (The Cry of Love, 1971, e Isle of Wight, 1971)

En ambos os discos de Jimi Hendrix foi prohibida a canción por “conter algúns versos de carácter pornográfico”, segundo o censor. Os versos salientados son estes: “Estás flirteando coa miña muller… / Só queres facerme sangrar / Mellor pasa as túas noites con outra persoa”.

0305 Joan Baez: “Non nos moverán” (Gracias a la vida, 1974)

A canción non foi publicada no álbum Gracias a la vida “por incitante á folga”, segundo as palabras do censor, que resaltou especificamente as seguintes estrofas: “Unidos na loita, non nos moverán. / Unidos na folga, non nos moverán. / Como unha árbore firme ao pé río, / Non nos moverán”.

0306 John Lennon: “Imagine” (Imagine, 1971)

“Canción totalmente negativa, que suprime todo, incluso a relixión, coa esperanza de que acaben todos uníndose á idea”.

 

0307 John Mayall: “Mr. Censor Man” (Back to the Roots, 1971)

Esta canción foi denegada cunha cruz tachando por riba todo o texto, como dando a entender que non había nada autorizable. Ademais, na súa explicación dos motivos, o censor non se molesta en dar detalles, e resólveo de forma esquemática e un tanto hermética: “Canción lixeira, que ataca á censura, non en canto censura, senón por limitar o censurable. De todos os xeitos para España resulta impropia”.

 

0308 Johnny Cash: “A Boy Named Sue” (At San Quentin, 1969)

Na edición do disco en España, para lograr a súa autorización, houbo que tapar cun asubío as palabras “son of a bitch” (“fillo de puta”), co cal unha das frases da letra orixinal quedaba reducida a “porque son quen che chamou ‘Sue’”. Ademais, na última frase da canción editouse e eliminouse a palabra “damn” (“maldito”), co que esa última estrofa quedou reducida a: “Calquera cousa menos Sue! Aínda odio ese nome!”.

0401 Leonard Cohen: “Last Year’s Man” (Songs of Love & Hate, 1971)

Segundo a anotación feita á man polo censor, a canción foi censurada por ser “irrespectuosa con Cristo”. En concreto, sinala como causa da prohibición a estrofa que se traduciría así: “Cando Xesús Cristo era a lúa de mel / e Caín non era máis que un home”.

0402 Los Canarios: “Get on Your Knees” (single, 1968)

O retrouso (“axeónllate, nena, e reza, reza, reza, polo teu amor”) poderíase interpretar desde un punto de vista sexual segundo os censores, co cal non se podería autorizar. No entanto, Teddy Bautista, o líder de Los Canarios, aclarou que estaba dedicada a unha moza inglesa que coñecera en Eivisa e que sempre esbardallaba en contra dos españois, polo que tivo que facerlle agachar as orellas desta forma para que aceptase a importancia e a calidade do hispano. Esta explicación salvou a canción da lista negra.

0403 Los No: Moscovit (EP, 1966)

Moscovit, un discurso contra a Unión Soviética no que o grupo Los No se metía coa afección á bebida de seus cidadáns e coas mulleres daquel país, foi interpretado nalgúns ambientes como todo o contrario polas súas referencias ao mundo comunista. Ademais, aquel EP de Los No coincidiu cun referendo, en novembro de 1966, con que o réxime quería lavar a cara do ditador. Nas dúas papeletas aparecía un “Si” ou un “Non” a Franco e todo o aparato estatal se puxo a favor do “Si”. Non se trataba de gañar senón de esmagar calquera disidencia. O guitarrista de Los No, Víctor Portolés, recórdao así: “Durante unhas eleccións nas que se pedía o si para Franco, Los No tivemos serios problemas de carácter político. Era impensable que no medio e medio daquela campaña electoral un disc jockey anunciase na radio: ‘E agora con vostedes, Los No’. O asunto parece unha parvada, pero así eran as cousas na ditadura”.

0404 Lou Reed: “Heroin” (Rock’n’Roll Animal, 1973)

Por incrible que pareza, a denegación desta canción non tivo nada que ver co relato dunha adicción á heroína do seu protagonista, senón que se xustificou nunha posible palabra malsoante segundo a opinión do lector asignado, que preferiu non a autorizar para curarse en saúde: “Respecto a esta canción, non sei que dicir, porque aparece a palabra ‘fookink’, que non encontro en ningún dicionario. Se como supoño fose unha errata de ‘fucking’ (cuxo significado non é preciso explicar) coido que sería mellor denegala ata que se aclare a palabra. Fóra disto non hai nada censurable na canción”. No seu lugar incorporouse ao disco un tema do debut homónimo en solitario de Lou Reed(“I can’t Stand It”) e outros dous de Transformer (“Vicious” e “Walk on the Wild Side”), cancións que foran rexistradas en estudio, co que se desvirtuaba así a súa condición de disco en directo.

0405 Lou Reed: “The Kids” (Berlin, 1973)

“The Kids” (“Os nenos”) tivo que ser eliminada da edición española do disco Berlin para poder ser publicado, dadas as súas referencias á prostitución e ás drogas. En concreto, o censor xustificou a denegación de “The Kids” na frase “porque ela se deita con irmáns e irmás” que, segundo a súa opinión, “é suficiente dentro do contexto de canción que trata da corrupción dunha muller”.

0406 Mama Lion: “Sister, Sister (She Better Than a Man)” (Preserve Wildlife, 1972)

Na edición española do disco Preserve Wildlife, foron eliminadas dúas cancións pola temática dos seus textos. A primeira, “Be Bad with Me” (“Sé malo comigo”), porque nela unha muller aseguraba que faría todo por deixar satisfeito o seu home. A segunda, “Sister, Sister (She Better Than a Man)” (“Irmá, irmá (ela mellor que un home)”), por tratarse dunha canción que fala do amor entre dúas mulleres.

0407 Miguel Ríos: “La guitarra” (single, 1966)

A portada deste single, que na súa edición catalá levaba un pequeno texto de presentación, foi censurada polo emprego da palabra “idiomas”. O texto que levaba poderíase traducir do seguinte xeito: “Cantante dinámico de forte personalidade, mostra nestas dúas versións do último disco que gravou a novidade dunhas cancións plenas de contido e fabulosa musicalidade, que fixo necesario traducilas a todos os idiomas en que un disco de calidade pode triunfar”. Na versión censurada, editada inmediatamente para suplir á primeira, a palabra “idiomas” foi substituída por “linguas”. A razón está clara se se atende á definición da Real Academia da Lingua. Mentres idioma se define como “lingua dun pobo ou nación”, lingua sería un “sistema de comunicación verbal, e case sempre escrito, propio dunha comunidade humana”. Polo tanto, o que o censor estaba intentando evitar é que se relacionase o idioma catalán como a lingua dunha nación.

0408 Neil Young: “Cortez the Killer” (Zuma, 1975)

O disco só se puido publicar en España doce meses despois da súa edición internacional, unha vez que o título da canción “Cortez the Killer” (“Cortés, o asasino”, en alusión ao conquistador español Hernán Cortés) foi substituído por “Cortez Cortez”.

0501 Nina Simone: “My Sweet Lord / Today Is a Killer” (Emergency Ward!, 1973)

“Hai que facer estas advertencias. Co título ‘My Sweet Lord’ está autorizada unha canción (expediente 1267/72) do mesmo autor, George Harrison, pero moi breve, con só algúns versos dos aquí presentados. Agora funde dous títulos nun, ‘My Sweet Lord’ e ‘Today Is a Killer’, e aínda que separadamente poderían ser ambos autorizados, ao xuntárense unen dous versos irreconciliables: ‘Quen es ti, Señor? Ti es un [asasino] matador’. É pois, na súa estrutura actual, denegable”.

0502 Ray Charles: “Don’t You Know” (The Ray Charles Story, 1962)

“Di: ‘Apaga a túa lámpada… por favor, apaga a túa lámpada… / Veña, nena ama o teu papá durante toda a noite. / Se me amas como eu te amo podemos facer todas as cousas que acostumamos facer’. Hai que entender que este ‘papá’ non se refire ao seu pai, senón ao seu amante. Esta linguaxe é corrente e está moi estendida entre os ‘hippys’, que se chaman entre eles mozos e mozas, ‘mamas and papas’ ou ‘daddies and mummies’. Por iso entendo que o que quere dicir é que durma con el ‘toda a noite’ e as súas consecuencias”.

0503 Roberta Flack: “The First Time Ever I Saw Your Face” (First Take, 1969)

A canción foi censurada por “incluír unha última estrofa de marcado erotismo”. Esa estrofa, a sinalada polo seu censor, ten a seguinte tradución: “A primeira vez que me deitei contigo e sentín o teu corazón latexar xunto ao meu / Pensei que o noso gozo enchería o mundo e duraría ata o final dos tempos, meu amor”.

0504 Serge Gainsbourg & Jane Birkin: “Je t’aime… moi non plus” (single, 1969)

En España, ao chegaren todas as cancións para seren visadas pola censura cos seus textos, as que se presentaban como instrumentais autorizábanse sempre, sen as escoitar previamente. E iso é o que pasou neste caso; no expediente queda claro que “se aceptan como autocensuradas, a reserva da audición do disco”. Unha vez publicado o disco, e despois de se descubriren os seus resollos ao ser radiado, foi retirado da circulación.

0505 Simon & Garfunkel: “Cecilia” (Bridge over Troubled Water, 1969)

Na contraportada española do disco desprazouse cara á dereita o título para tapar parte da letra da canción “Cecilia”. A intención real dese desprazamento era cubrir os versos que o censor identificara como a causa da súa denegación por entender que neles se daba conta dun adulterio; traduciunos así: “Facendo o amor [físico] pola tarde con Cecilia enriba no meu carto / Levanteime para lavar a cara / e ao regresar á cama alguén ocupara o meu lugar”.

0506 Spencer Davis Group: “The Screw” (Gluggo, 1973)

“O título soamente significa ‘o parafuso’. Pero como verbo ten esa palabra distintas acepcións e como verbo aparece no texto. O sentido cambia de acordo co complemento, por exemplo, ‘to screw the truth’, ‘sacar a verdade’. Pero cando o complemento é unha persoa, se é unha muller, e non hai ningún complemento máis na frase, adoita significar realizar a cópula sexual, por tanto a tradución obvia sería ‘…………….’ Vdes. xa saben. Ademais o rapaz engade que non pode esperar máis”.

0507 Steely Dan: “Dirty Work” (Can’t Buy a Thrill, 1972)

A canción “Dirty Work” foi eliminada da edición española do álbum Can’t Buy a Thrill porque o censor a cualificou de “erótica”. O cualificativo xustificábao traducindo e subliñando as seguintes estrofas: “Cando necesites un pouco de amor (físico) / porque o teu home está fóra da cidade/ este é o momento de ir eu correndo. / Son un tolo por facer este sucio traballo / Oh, si, eu non vou facer este sucio traballo nunca máis”.

0508 The Beach Boys: “Good Vibrations” (single, 1966)

“Esta letra pertence aos ambientes dos grupos USA drogadictos marxinados: os HIP cuxa filosofía está baseada no sexo. A acción sexual segundo os seus efectos determina a bondade ou maldade da acción. De aí que esta subclase USA que está tratando de cambiar radicalmente a moralidade USA se convertese nunha ameaza social. A letra fala de ‘Good Vibrations’ —boas vibracións— fronte a ‘bad vibrations’ —malas vibracións—, que equivale aos actos sexuais. Esta filosofía non é coñecida polo público español, pero, así e todo, se se ten conta que o disco é para a xuventude e que está nun inglés do que se entende demasiado fácil a letra e que psicoloxicamente as ‘vibrations’ se asocian inmediatamente ao orgasmo, creo que daría pé a que moitísimos mozos e mozas bailasen por pareceren graciosos en forma procaz. Considero, ademais, que a súa autorización daría pé ás revistas de tipo musical a ofreceren a letra en castelán. Por todo iso, considero que non se debe autorizar”.

0601 The Beatles: “The Ballad of John and Yoko” (Hey Jude, 1970, 1967-1970, The Blue Album, 1973)

A canción de The Beatles foi eliminada de dous dos seus álbums na súa edición española: Hey Jude (coñecido tamén como Beatles Again, 1970) e 1967-1970 (a recompilación coñecida como The Blue Album, 1973). Neste último álbum, a canción foi substituída por “One After 909”. O motivo da súa prohibición foron as referencias a Xibraltar, lugar no que John Lennon e Yoko Ono se casaran pouco antes, feito que se mencionaba na letra, xusto cando naquel momento estaba en marcha unha campaña do réxime franquista reclamando o carácter español de Xibraltar que levou ao peche definitivo da fronteira coa Rocha.

0602 The Doors: “Peace Frog” (Morrison Hotel, 1971)

“Peace Frog” foi eliminada do álbum por ser, segundo o censor, “tendenciosa”, e foi substituída na edición española por “Not to Touch the Earth”, que fora publicada dous anos antes na edición internacional do disco do mesmo grupo Waiting for the Sun. Estas son as estrofas destacadas e traducidas da súa letra: “Indios diseminados sangrando na autopista do amencer / fantasmas invaden a fráxil mente dun neno. / Sangue deita do seu cerebro mentres lle tronzan os dedos / sangue deitará do nacemento dunha nación / sangue é a rosa da misteriosa unión. / Hai sangue nas rúas, chégame aos nocellos / sangue nas rúas, chégame ao xeonllo / sangue nas rúas da cidade de Chicago / sangue en aumento, ségueme”.

0603 The J. Geils Band: “Diddyboppin” (Ladies Invited, 1973)

“Non dei aclarado a expresión tan repetida, diddyboppin’, por tanto creo que debería pedírselles que expliquen o sentido da palabra, non por aproximación, senón indicando a orixe da palabra e onde se pode atopar. Porque entendo que ten sentido obsceno, dado que os últimos versos din: ‘A algúns [ou algunhas] gústalles suave, a outros duro / A algúns gústalles enterralo no seu patio traseiro. [Non será que a algúns lles gusta que lles dean polo cu?] / Algúns queren que sexa amodo, outros prefíreno á présa, / Algúns quéreno conseguir e asegurarse de que sexa duradeiro’. Paréceme sospeitosa e por tanto denegable”.

0604 The Loovin’ Spoonful “Revelation: Revolution ‘69” (Revelation: Revolution ’69, 1968)

Malia que a compañía discográfica tentou evitar a súa prohibición cambiándolle intencionadamente o título por “Revolution”, ao censor non se le pasou por alto o seu contido, que denegou: “Canta á violencia e ademais por inconformista, á revolución, aínda que imprecisa e indeterminada ideoloxicamente”.

0605 The Rolling Stones: “Sister Morphine” (Sticky Fingers, 1971)

A canción foi eliminada da edición española do disco por, en palabras do censor, “ser un canto á droga”. O certo é que a letra fala dun home que sofre un accidente de coche e que morre no hospital pedindo morfina. En España foi substituída por unha versión do tema de Chuck Berry “Let It Rock”, aínda que esta procedía dunha gravación en directo, rompendo así a súa estrutura de disco rexistrado no estudio de gravación.

0606 The Velvet Underground: “I’m Waiting for the Man” (The Velvet Underground & Nico, 1967)

Esta canción atopou reticencias do censor asignado. Porén, o superior ao censor que estudou o expediente indicou que non atopaba “nada obsceno nin pornográfico para que haxa que denegala”. Curiosamente, neste caso interpretou mal o contido do tema, que fala realmente dun adicto ás drogas que viaxa ao barrio de Harlem, en Nova York, concretamente ao cruzamento da Avenida Lexington e a rúa 125, para comprar drogas ao seu provedor habitual, o ‘home’ do título (nunha entrevista posterior coa revista Rolling Stone, Lou Reed recoñeceu que todo o descrito na mesma era real, “excepto o prezo de 26 dólares”). Para o censor, o feito descrito era outro, incluso coas súas referencias a ‘picadas’ e o seu ‘doce sabor’: “O contido refírese a unha moza que espera sempre polo seu home ‘vinte e seis dólares na man’. Sempre ten que esperar por el. Todos os outros a ‘pican’, pero el ten un doce sabor”.

0607 The Who: “Won’t Get Fooled Again” (Who’s Next, 1971)

Ademais de “Love Ain’t For Keeping” (polo seu contido sexual) da edición española do disco Who’s Next foi eliminada tamén “Won’t Get Fooled Again”, composta por Pete Townshend coa idea de reflectir unha revolución que se converte ao final no mesmo réxime contra o que se loitaba nun principio. O censor denegouna con este razoamento: “Aínda que evidentemente non se refire a unha revolución a tiros, si se refire a unha revolución moral de tipo ‘hippy’ ou algo parecido”.

0608 The Who: “Doctor Jimmy” (Quadrophenia, 1973)

Ata tres censores estudaron o expediente de Quadrophenia, e o resultado foi que o disco se editou en España sen este tema. Os dous primeiros denegaron “Dr. Jimmy” “por expresións eróticas e obscenas como: ‘Dis que é virxe eu vou ser o primeiro nela [en penetrar nela]’, ‘Oh, que se foda el’”. Dous meses máis tarde, a compañía discográfica envía o texto de novo para a súa reconsideración, asegurando que eliminaron as dúas frases que motivaron a denegación. Non obstante, o censor encargado de analizala engade novos motivos de denegación, recollendo nesta ocasión que sería autorizable se se suprimisen tamén dúas frases máis que subliña, en concreto as que traduce así: “Eu violareina”, “Cando estou (tomando) a píldora”.

SALA 2 (60)

13-12-2012

Deja un comentario

LÍNEAS PARALELAS

50 portadas esenciales del rock

ULTRASÓNICA

Entrevistas musicales, artículos y comentarios de discos, libros y películas de Xavier Valiño

SIMILAR ROCK

Plagios musicales y parecidos razonables entre canciones

LA CARA OCULTA DE LA LUNA

Las 50 portadas esenciales del rock

POLITICAL WORLD, Rebeldía desde las guitarras

No dejes que un mismo perro te muerda dos veces (Chuck Berry)

Viaje a la era soul

Espíritus en la oscuridad